lunes, 28 de mayo de 2012

CONSERVACIÓN DA ESCULTURA URBANA

Nas  rúas e prazas das nosas cidades existen numerosas esculturas urbanas de gran valor artístico e material, por iso a súa conservación constitúe un problema importante. A prensa destes días daba conta da rotura dunha escultura en honra de Otero Pedrayo na cidade de Ourense:

"Rompen una escultura de Otero Pedrayo en una céntrica plaza ourensana.  El acto vandálico ocurrió durante la pasada madrugada y ha obligado a retirar la estatua para su reparación"

Traemos esta nova ao noso blog porque numerosas esculturas de Asorey están expostas en rúas e prazas que en casos atópanse en bo estado de conservación e en casos non. Hai Concellos que coñecen ben a existencia das esculturas e moléstanse en garantir a súa conservación , mentres outros se desentenden totalmente. Falaremos hoxe de novo,  do caso dun busto en bronce en honra de Calvo Sotelo que se atopa no Concello de Vilagarcía, a fotografía mostra ben o seu estado de abandono:

 O Concello comprometérase no seu día a restaurala, que saibamos a día de hoxe, nada se fixo.

domingo, 8 de abril de 2012

"NOVO PASEO DAS ESCULTURAS"

O noso aplicado alumno, Emmanuel Joven usou o seu tempo nestas vacacións para achegarnos ao paseo das esculturas de xeito máis dinámico. Grazas. Non deixedes de velo. Está no seu blog, The Strange Hero.

viernes, 9 de marzo de 2012

"O PASEO DAS ESCULTURAS"

O Concello de Cambados está intentando promover un Paseo das esculturas no ámbito urbano de Cambados, aproveitando as numerosas obras que se conservan neste pobo con gran tradición escultórica. Anque sabedes que nos encanta poñelos verdes (é broma) temos que dicir  que nos parece unha boa idea. Eso sí, tal como se comentou na última reunión de blogueiros que tivemos, non estaría mal que o paseo incluíra máis esculturas das que o alcalde pensa (diciamos eso en base ao que lle temos escoitado) e sinalizar as obras "in situ" ou editar un folleto informativo.

O Paseo das esculturas na nosa opinión podería empezar na rotonda de Tragove con esta magnífica escultura de Manolo Paz:


Manolo Paz é un artista cambadés que traballa sobre todo a pedra. Pedras galegas preferentemente e en especial o granito, que abunda na nosa zona. As súas obras entroncan coa tradición galega do traballo coa pedra que vén dende o neolítico, pensade só nos dólmenes e menhires ou nos petroglifos que tanto abundan na xeografía galega en xeral e pontevedresa en particular. E Manolo Paz conecta directamente con esta tradición dos canteiros galegos, usando unha linguaxe abstracta, que tamén está presente na prehistoria galega (semella que a arte volve ao inicio). Esta linguaxe sen figuras (non figurativa) pode parecer a primeira vista que non nos di nada pero se analizamos polo miúdo comprobaremos que nos está dicindo moitas cousas.

Por exemplo Paz xoga moito coa oposición de elementos verticais que se cruzan cos horizontais. Este é un elemento eterno na historia da arte, que simboliza a oposición de contrarios que se dá na natureza, e pensade na idea oriental do yin e o yan e na occidental do ben e o mal. De feito a cruz cristiá, que tamén é un símbolo similar, existiu moito antes de que o cristianismo chegase a Galicia, xa  pon de relevo Castelao no seu libro sobre As cruces de pedra na Galiza, que hai cruces nos petroglifos galegos, 1500 anos antes de Cristo.

Nesta escultura tamén destaca "o acoplamento" , unha pedra que se incrusta en outras, símbolo tamén na natureza da ensamblaxe doutros dous contrarios, o masculino e o feminino. Rematando, o noso escultor usa símbolos eternos sobre unhas pedras "ciclópeas" ás que domina ou cre dominar (esperanza vana do ser humano a de controlar a Natureza), deixando a pedra tal como sae da canteira en certas zonas, traballando e pulíndoa en outras, xogando coas texturas, co brilo, coa cor... En definitiva facendo tamén unha obra bonita.

 Pasaríamos logo  a Fefiñáns pero antes de ver a Naiciña, non esquezamos que na Praza e Igrexa de Fefiñáns, hai tamén esculturas notables, empezamos cos Balboas, que serviron de inspiración a Paco Leiro:


Comenta o historiador cambadés Xaquín Sánchez Peña no seu libro de 1927,  " en los extremos del atrio de la iglesia lucen dos estatuas de dos Hércules, con sus mazas y escudos, a los que las gentes llaman Balboas, sin duda por ser uno de los apellidos de los señores de Palacio. Hoy sólo luce la que está al lado este, pues la otra, que estaba en el lado oeste, rompió y aún está sin arreglar [ aparece engadido posterioremente:  la puso D. Joaquín Armada en el ángulo del atrio] . A estas figuras las llamaban "los peneireiros" porque tienen un escudo jaquelado que parece una peneira".

Cremos que acerta Sánchez-Peña ao falar dos Balboas coma de dous Hércules, o semideus grego tamén chamado Heracles, a maza que sosteñen é bastante clara e senón compárese con outras esculturas coma este Hércules dos Museos Vaticanos:



 Representados con gran rudeza no duro granito e cun aire arcaico e primitivo que tanto gusta a Paco Leiro, levan tamén os dous un escudo, coas armas do señores do Pazo de Fefiñáns. Aí podemos ver o axedrezado dos Valladares ("a peneira"), os roeles (círculos) dos Sarmiento os leóns dos Osorio e as bandas dos Soutomaior, símbolos todos das familias nobres máis rancias e de máis abolengo de Galicia.

Na mesma praza teñen interese os escudos que adornan "O Palacio" de Fefiñáns. Empezamos por este situado no muro norte, próximo ao arco. É un escudo familiar que ten a característica serea da familia dos Mariño de Lobeira, moi presente por toda a Ría de Arousa  e que ten a súa orixe na lenda, moi mariñeira, da serea que rescata de morrer a un afogado. A serea sostén un escudo coas "armas" familiares, de novo o axedrezado dos Valladares, os círculos dos Sarmiento, as follas de figueira dos Figueroa e as bandas dos Mera.


Na fachada oeste, que mira ao mar está este enorme escudo que parece que corresponde a un dos constructores do Pazo, Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns. Aparecen nel dous leóns rampantes (de pé) aguantando o escudo familiar, que repite moitas das armas das que xa falamos. Un heraldo (anunciante) toca unha corneta na parte superior.




Máis interesante na nosa opinión é o escudo da fachada Norte, corresponde ao fillo do anterior, Fernando de Valladares, II Vizconde de Fefiñáns, tamén constructor do Pazo. Nesta ocasión flanqueando o escudo familiar aparecen dúas figuras que non tiña identificadas ata que nunha visita que fixen ao Pazo cos meus alumnos, dúas alumnas, Lorena e Ánxela (magníficas alumnas por certo) repararon en que debían ser figuras mitolóxicas. As clases de Belén, profesora de grego, déronlles a clave. Á esquerda está unha figura que representa a Zeus, o pai dos deuses, agarrando os raios e co seu símbolo, a águia, aos pés. No outro lado estaría Apolo, deus da música e a beleza, entre outras cousas, agarrando a lira. Así que a identificación de Sánchez-Peña dos Balboas coma Hércules non é descabellada, aquí aparecen tamén figuras mitolóxicas. Eso confirma tamén a nosa idea de que no deseño deste Pazo traballou alguén que ou era italiano ou coñecía moi ben a arte italiana. Esta influencia é moi rara na arquitectura galega máis tradicional, é propia só das elites (alto clero, alta nobreza ou a familia real) que tiñan a posibilidade de coñecer a cultura e arte italiana ou de visitar Italia.



E despois de tanta pedra imos cunha obra feita noutro dos materiais tradicionais da escultura galega, a madeira. Por motivos obvios esta ten que estar nun interior, na Igrexa de S. Bieito de Fefiñáns. Na foto aparece unha mostra da imaxinería que existe nas nosas igrexas, trátase dun Cristo en madeira, feito por outro escultor cambadés, Francisco Leiro (avó) bo amigo segundo me dixeron de Francisco Asorey. Un parente de Asorey comentoume que este nunca marchaba de Cambados sen ir ver a Fefiñáns o Cristo do seu amigo.


Imos agora sí á Naiciña. Este monumento en pedra mostra unha copia de moi boa calidade (ao noso entender) da obra orixinal en madeira de Francisco Asorey, da que a día de hoxe descoñecemos o paradoiro. Fíxoa o discípulo e axudante  de Asorey os últimos anos, Xosé Cao Lata. Mostramos a continuación unha foto que corresponde á inauguración da obra en 1965.



Como podedes apreciar a escultura estaba máis diáfana, logo colocáronse plantas decorativas (que medraron) e unha verxa de ferro para protexelo pero iso tamén a illou. Lembro que nas dúas reunións da Comisión Asorey  falouse de quitar estes elementos para que a escultura puidera verse mellor. Se non me equivoco foi primeiro Vítor Caamaño ou que o suxeriu e logo tamén o encargado da exposición de Asorey, Miguel Fernández-Cid, non sei a quen dos dous lle fixo caso o Concello pero o certo é que recentemente se retirou a verxa e algunhas das plantas que impedían ver ben a escultura. Xulgade vós mesmos se se mellorou, vendo esta secuencia de fotos de antes e despois.

ANTES


DESPOIS

 

 

 Remato cunha fermosa foto da Naiciña nevada, a min  pasouma Adela Leiro, pero creo que a fixo Mon Daporta, que conste para que non se diga que sempre levamos o mérito as mulleres.

Da Naiciña imos pola rúa do Príncipe cara a escultura en bronce recentemente inaugurada, durante os actos do Ano Asorey, 2011. É obra do escultor Lucas Míguez que tanto ten traballado para os Concellos de Vilanova e Cambados (lembrade as figuras sobre Valle-Inclán de Vilanova). A nós a escultura non nos gusta moito pero recoñecemos que a xente párase a mirala. Moitos turistas probablemente vexan por vez primeira o nome de Asorey na placa da escultura. Para que o poidan seguir facendo, permitímonos suxerir ao Concello que poña algún sinal para que non aparquen coches diante.


Un pouco máis alá neste paseo da Calzada atópase o Monumento a Cabanillas de Francisco Asorey.


Fíxose algo similar que coa Naiciña, retirouse a verxa que o rodeaba, como podemos ver nesta foto anterior:


O monumento orixinalmente non a tiña:


A participación de Asorey nesta obra cremos que non foi moi intensa, non debía de haber moito diñeiro para facer un gran monumento. Anque ao mellor dou ideas para facelo, a execución deste correu a cargo de Antonio "O de Segundo", fillo dun constructor cambadés que colocou dous grandes "cons" traídos de Tragove e A Pastora. Directamente Asorey ocupouse de modelar a efixie que logo se pasou a bronce de Ramón Cabanillas. Cóntase que como Cabanillas estaba xa moi mal de saúde, posou o seu fillo Ramón, co que gardaba un gran parecido e ademais daba idea dun home máis novo. Por detrás da efixie do poeta aparece a silueta dunha figura que non sabemos identificar con seguridade. Pero como parece que leva na testa unhas follas de loureiro atrevémonos a suxerir que poida ser un Apolo, deus tamén da poesía e do que xa sabemos que existe outra representación en Cambados.


Case en fronte deste monumento, está a escultura dun rañeiro, un mariscador. Feita en bronce e firmada por A. Vilar, en 1968. Alfonso Vilar é un escultor bastante coñecido na comarca, ten tamén obras no Grove e en Sanxenxo (a Madama de Silgar), morreu recentemente. Na nosa opinión non é unha escultura de gran calidade, está algo desproporcionada, a gamela é un pouco pequena para o rañeiro e o escultor non debía  coñecer ben o oficio de rañeiro. Segundo o que lle temos escoitado a Paco Fernández Rei, se se manexa o raño dende a parte datrás da gamela, esta pode desquilibrarse. Menos mal que atopei sentadas na escultura a estas alumnas do Asorey que axudan a compensar o peso.



Un pouco máis alá están as vieiras feitas en pedra de gran por Manolo Paz. Non nos gusta tanto esta obra como a anterior que comentamos súa, "anque se entenda mellor"
 

 

E en fronte das Vieiras, diante do edificio do Concello, outra obra de Lucas Míguez, esta vez o poeta Cabanillas, sentado nun banco, mira cara o Mar de Arousa. Aos nenos gústalles sentarse ao seu carón e aos turistas fotografarse con el, que non é pouco. 



A escultura que temos nunha praza cambadesa de Francisco Leiro, outro gran escultor cambadés, é a figura dun Baco, deus romano do viño, en bronce. Decatástevos da cantidade de figuras mitolóxicas que hai representadas en Cambados?. A Paco Leiro tamén lle gustan moito os mitos, sexan cambadeses como Xan Quinto ou greco-latinos coma este Baco ou os hércules e afroditas que lle temos visto. Pero non é o bronce o material que máis vai coa sensibilidade de Leiro (cremos), senón a madeira. Pero non se pode poñer unha escultura en madeira á intemperie, que se estragaría, así que temos que conformarnos con esta.


 

A escultura está núa pero ten un pantalonciño por diante para  non ofender a ninguén, a praza de Cabanillas onde está, vai de camiño á Igrexa parroquial. Pero por detrás enseña o cú!.




 

Imos rematando con outra gran promesa da escultura cambadesa que se malogrou moi nova debido a un accidente de coche. Falamos de Narciso Pérez que fai esta fonte-farola para a praza de Alfredo Brañas. Atopamos unha reseña na prensa de que lle encargaran a Asorey por estas datas un monumento a Alfredo Brañas para Cambados que non chegou a facerse, quizais en troques se colocou esta. Ten gravada a data de 1925 e ostenta os escudos de Galicia, Pontevedra e Cambados.

Remato, agora sí, con dúas esculturas que adornan a fachada da Igrexa parroquial, antes igrexa do Convento de S. Francisco, construído no s. XVI, alí están dúas figuras en pedra que representan a Adán e Eva. A figura da Eva tamén se di que lle serviu de inspiración á Eva en madeira de Francisco Leiro, que está nunha colección de Nápoles.






Sinto haber feito unha entrada tan longa pero é que o patrimonio artístico cambadés é inmenso.

lunes, 30 de enero de 2012

"ASOREY, UN ARTISTA MAL COÑECIDO"

A homenaxe da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) a Asorey en Cambados, tivo unha gran repercusión nos medios de comunicación, isto pode ser debido á presenza dos membros da Academia ou aos numerosos políticos que asistiron. Case todos os medios recollen as palabras pronunciadas por Miguel Fernández-Cid comentando que Asorey é un artista mal coñecido. Nestes enlaces atoparás a nova nos principais medios de comunicación que cubren a información do Salnés:



CANAL RÍAS BAIXAS ACOMPAÑA A NOVA CUN VIDEO


sábado, 21 de enero de 2012

REUNIÓN DA ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES EN CAMBADOS

Xunta de goberno da Real Academia de Belas Artes Nosa Sra do Rosario, de esquerda a dereita: Manuel Quintana Martelo, Ramón Izquierdo Perrín, José López Calo, a presidenta Mercedes Goica Fernández, Angel Hueso e José Ramón Soraluce.


Entereime pola páxina de A ti meu Cambados que vai ter lugar en Cambados, o próximo sábado 28 de xaneiro unha reunión ordinaria e extraordinaria da Academia como homenaxe a Asorey.

Segundo informan na súa páxina web reuniranse ordinariamente ás 11:30 horas no Parador de Cambados para ás 13 horas celebrar un acto público de homenaxe en honra de Asorey no Auditorio da xuventude. Pronunciará unha conferencia o académico Miguel Fernández-Cid.

sábado, 7 de enero de 2012

ASOREY E CAMILO DÍAZ BALIÑO

Unha das moitas satisfaccións que me dou investigar sobre a vida e obra de Asorey foi a de coñecer a Isaac Díaz Pardo. El faloume da estreita relación que tiveron Asorey e seu pai e facilitoume varios materiais e testemuñas que o confirmaban. En liña coa idea de Isaac de favorecer que os documentos que atesouraba no seu arquivo se difundisen, vounos compartir con vós. Estes documentos deben de estar agora no archivo da Cidade da Cultura, a onde Issac os cedeu (coa oposición da familia) para facilitar a súa conservación e difusión, esperemos que así se faga.

Carta manuscrita de Isaac Díaz Pardo

Nunha carta que me escribiu (e que gardo coma ouro en pano), coa súa característica caligrafía comenta:

"(...)Coido que a amistade entre Asorey e meu pai era importante. A "Picariña", hoxe no Museo Carlos Maside a recordo sempre na miña casa. E hai fotografía do despacho de meu pai onde está a peza. No Museo hai algunha peza máis da mesma procedencia. No ano 1930 vivíamos no número 20 da Rúa das Hortas en Santiago e cruzáronse varias cousas: o editor Anxel Casal necesitaba insatalarse con certa presa en Santiago. Era un amigo e correligionario de el dende as Hirmandades da fala. Meu pai tiña que irse a América co coro de Ruada. O casal das Hortas axustábase moi ben pra o que necesitaba Casal: taller na planta baixa, vivenda e administración nos pisos altos (véxase que a maior cantidade de libros da Editorial Nós están feitos en Hortas, 20). Meu pai deixoulle a casa a Casal. Miña nai e mais nós, dous fillos fumos vivir a unha casiña pequena en Carretas, e os muebles e elemento foron gardados nun rincón do taller que tiña Asorey no calexón de Caramoniña (Ruela das Cachamuñas). Coido que o afecto de meu pai por Asorey foi importante (...)"

Foto de Camilo Díaz no seu despacho coa Picariña detrás

Telegrama que lle envía Asorey a Camilo para comunicarlle que consigue a 1ª medalla da Exposición Nacional de Madrid de 1926 (Isaac indica 1923 pero non pode ser posible)

jueves, 5 de enero de 2012

MORRE ISAAC DÍAZ PARDO


Isaac Díaz Pardo e o seu pai Camilo Díaz Baliño asasinado en 1936 cando el tiña 16 anos


Estou desolada, morreu Isaac Díaz Pardo, un pai para Galicia.

Agora empezarán as homenaxes os que non se llas fixeron en vida.

martes, 3 de enero de 2012

É POSIBLE UN MUSEO ASOREY?


Facíase esta pregunta o noso compañeiro bloguero de Cambados Web. Eu penso que si.

Os tempos que vivimos son moi difíciles, non será posible este proxecto no prazo que manexan a miúdo os políticos que non soen ver máis alá de 4 anos, é dicir as seguintes eleccións. Pero como as cousas que se fan ben fanse despacio, creo que si se van dando pasos, nun futuro non moi lonxano, ao mellor non en 4 pero si en 8 anos, é posible velo. Como?

Precisamos un continente, é dicir un edificio. A casa natal da praza Asorey non será posible, nela vive unha familia dende fai máis de cen anos, é dicir, bastante máis tempo do que viviu nela a familia Asorey e coa que ten lazos afectivos moi intensos polo que non estarían dispostos a vendela. Pero en Cambados hai outras casas en zonas céntricas e con posibilidades de albergar un Museo Asorey e os tempos son bos para mercar propiedades, os prezos baixaron. O Concello non ten diñeiro (alomenos para certas cousas, porque o proxecto do Saco de Fefiñáns parece que sí vai adiante), ao mellor poderíase recurrir ao patrocinio privado, tanto de empresas, grandes e pequenas como dos propios veciños e veciñas. Seguindo o modelo anglosaxón, case todos os museos importantes do mundo teñen patrocinio privado a través de fundacións ou da figura de "amigos do Museo". Este debería ser un proxecto de todo o pobo de Cambados e non só "popular". Anque recoñezo que estamos pouco acostumados a traballar en común, preferimos que nos dirixan. Ao mellor a crise que vivimos fainos cambiar.

Ocórreseme tamén outra posibilidade. Sae na prensa que:

La Xunta desconoce qué destino darle al centro comarcal Exposalnés

Os centros comarcais van desaparecer (outro proxecto fallido dos nosos políticos e outro tiracartos públicos). A súa titularidade é posible que pase aos concellos. Así que Expo-salnés senón é xa do Concello de Cambados quizais o sexa no futuro. Pois non é un mal lugar para instalar un "Museo Asorey".


Precisamos un contido, é dicir obra que expoñer. Eu son da idea de que o que busca, atopa, non dun día para outro pero sí de vagar. Hai moita obra de Asorey en coleccións particulares e públicas que ao mellor estarían dispostos a ceder en depósito. Por poñer un exemplo de obra pública, o S. Francisco, foi adquirido no seu día polo Estado Español, cando Asorey obtivo a 1ª medalla da exposición nacional de Belas Artes, logo pasou ao Museo de Arte Contemporánea que agora se chama Museo Raiña Sofía (MNCARS) que o cedeu en depósito ao Museo de Lugo. Coa fórmula do depósito e en algúns casos se se puidese, a compra, creo que se poderían ir reunindo pezas, e ter un museo con contido e non como lle acontece aos demais museos de Cambados (coa honrosa excepción do Muiño da Seca), como afirman con acerto en Cambados web.

Sería rendible un Museo Asorey?, preguntábanse tamén en Cambados web. Depende do que entendamos por rendible. Se ao mellor só temos en conta o que se ingresase por entradas ou catálogos, non. Pero si se convirte nunha peza que contribúe a promocionar a figura deste magnífico escultor e do pobo no que naceu e a difundir a cultura entre nós e a xente que nos visite; si conseguise ese obxectivo, si que podemos consideralo rendible.

Remato dicindo que todo é cuestión de vontade, si queremos, podemos. E tamén debo engadir que isto é unha idea persoal, son agora as autoridades culturais competentes os que deben recoller a idea e sacala adiante se queren, ou non. O protagonismo que eu quero ter neste tema é exclusivamente ese, dar a idea. Asorey é para min unha afección, non unha profesión, eu non son museóloga nin o pretendo ser.

viernes, 30 de diciembre de 2011

BALANCE DO ANO ASOREY

Remata o ano Asorey 2011, que conmemorou o 50 aniversario da morte do artista, pero isto non é unha despedida aínda nos queda o 51, 52, 53.... aniversario. Este blog non remata aquí e mentres teña algunhas visitas seguirá activo.

Xa tiven ocasión de facer balance do ano Asorey nun artigo que publicou Cambados TK, alí escribín que "se podería ter feito máis se se fixera mellor", sígoo pensando, anque isto non contradiga o que hoxe sae publicado no Faro de Vigo de que o Concello de Cambados foi o único que se implicou no tema. Boto de menos efectivamente que o Concello de Santiago (tanto a corporación anterior "bipartita" como a actual "popular") se implicasen máis, que eu saiba a súa colaboración quedouse só na asistencia á inauguración da exposición na Fundación Torrente ou á ofrenda floral no panteón de S. Domingos. O mesmo hai que dicir da Universidade de Santiago, á que Asorey estivo vinculado case 50 anos como docente ou á Escola de Artes e Oficios ou ao Museo do Pobo Galego que ten a colección de obras e obxectos que a viúva de Asorey donou ao daquela Museo Municipal.

Quédame a esperanza de que si non o fixeron ata o de agora o poidan facer no futuro e remato lembrándolle aos resposables culturais que non existe aínda un "Museo Asorey" e debería habelo, en Cambados ou en Santiago, e a crise non é excusa para non ir dando pasos cara ese obxectivo, todo é cuestión de prioridades.

Esperemos que esta conmemoración do ano Asorey sirva para algo e non se quede só no que afirma John Berger no seu libro Mirar: " O culto polos aniversarios é un xeito de manter informada, sen dificultade e superficialmente a unha elite cultural que por razóns de mercado, debe de ser constantemente ampliada. É un xeito de consumir historia, algo que non ten nada que ver con comprendela".

Remato cun agasallo aos seguidores deste blog, unha pequena xoia que me facilitou ese "pequeno gran home" que é Isaac Díaz Pardo. Unha fermosa fotografía (de Ksado?) que Asorey lle dedica ao seu gran amigo Camilo Díaz Baliño. Isaac cedeume unha copia e non puxo ningún reparo en que fose publicada no meu libro con esa xenerosidade que nace só da auténtica sabiduría; Así que supoño que tampouco lle importará que se publique neste blog.

Con dificultade, pero na fotografía pode lerse: "A mi buen amigo Camilo, Francisco Asorey"

viernes, 23 de diciembre de 2011

BO NADAL


A que esto escribe deséxavos unhas felices festas e un bó ano 2012, no que sigamos lembrándonos de Asorey.